PROGRAMA DE PROMOCIÓN DO XADREZ ESCOLAR

Cada vez son máis os colexios que dunha maneira ou outra teñen contacto co xadrez en distinta forma: clases extraescolares, actividade deportiva ou como recurso educativo para outras disciplinas especialmente matemáticas.

En canto obxectivos, o xadrez escolar pretende acadar o desenvolvemento e a formación do neno. Privilexia o desenvolvemento da intelixencia, a creatividade, a recuperación da experiencia, xunto á formación de valores e os aspectos socio-afectivos tanto de cada neno en particular, como do grupo en xeral.

O Programa de promoción do xadrez escolar é unha iniciativa do Club Xadrez Cabo Touriñán de Muxía, consistente en ofertar unha serie de accións de formación e exhibición de xadrez en colexios e centros de ensino de toda a Costa da Morte.

O obxectivo do Cabo Touriñán, é formar aos alumnos no  coñecemento básico e as regras do xogo, así como impartir contidos xadrecísticos e formar equipos, para a organización dun torneo que sirva de modelo.

En datas posteriores pódese participar, se é de interese das crianzas, en campionatos provinciais (xaneiro 2018), galego (marzo 2018), estatal (xuño 2018) ou mundial (novembro 2018, en Santiago de Compostela).

 

Acordouse organizar, de xeito lúdico, unha LIGA ENTRE ANPAs,  unha liga non competitiva que nace co obxectivo de fomentar o xadrez entre as crianzas en idade escolar.

Esta liga desenvolverase entre os meses de outubro e novembro (en principio serán os sábados pola tarde), formando equipos entre as distintas ANPAs da Federación de ANPAS da Coruña – Costa da Morte, a realizar en tres xornadas de tarde. As alumnas e alumnos só necesitarán saber previamente como colocar as pezas e os seus movementos no taboleiro.

Non se busca acadar determinado resultado, senón popularizar esta actividade. Para complementar a metodoloxía lúdica, ao remate de cada xornada haberá unha pequena festa con aperitivos para todas e todos os participantes.

 

Inscricións:

Fíxase, como  data tope, o 10 de outubro. O alumnado interesado en participar na liga deberán comunicarllo a algún membro da directiva da ANPA Pondal a través do whatsapp ou por correo electrónico.

 

Onde terán lugar os campionatos da liga escolar:

Ponteceso – 28 de outubro (Na Biblioteca Municipal)

Carballo – 4 de novembro.

Mazaricos – 18 de novembro.

 

XADREZ COMO ACTIVIDADE EXTRAESCOLAR

A ANPA ten interese en promover o xadrez como actividade extraescolar. Para poder levar a cabo esta actividade durante o curso 2017/18 é necesario que se inscriban un número mínimo de 10 nenos/as (de 3 a 12 anos). A actividade sería impartida por un membro da Federación Galega de xadrez en horario de tarde (sin determinar). A actividade tería un custo entre 10 e 15 euros por neno/a.