9 de marzo. Folga xeral do Ensino Público

MANIFESTO DE ANPASGALEGAS

(Confederación á que pertence a nosa ANPA)

O próximo 9 de marzo está convocada por diferentes organizacións educativas unha folga xeral do Ensino Público, para continuar na protesta contra da LOMCE, unha lei contra a que levamos máis de cinco anos loitando, que mesmo ten acordos maioritarios de paralización no Congreso dos Deputados, pero que continúa a aplicarse por uns gobernos que non queren escoitar o que a cidadanía dixo na rúa.
A Confederación ANPAS GALEGAS, que en ningún momento deixou de denunciar unha normativa como a LOMCE, lesiva para os intereses da nosa mocidade actual e da sociedade futura en xeral, tampouco nesta ocasión ten dúbidas da conveniencia, da actualidade, nin da necesidade de apoiar pública e rotundamente todas as mobilizacións, tamén as do próximo 9 de marzo, que defendan un Ensino Público libre de normativas como a que se denuncia.
Do mesmo xeito que continuar dicindo en voz alta e moi clara que as nais e pais do alumnado público galego non queremos a LOMCE, demandamos a súa inmediata derrogación, e non aceptamos un “pacto educativo” no que non está presente toda a comunidade educativa galega.
Apoiamos a folga para amosar o noso total rexeitamento a unha lei privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores sociais máis desfavorecidos da sociedade.
Por iso estaremos o día 9 de marzo nas rúas, e por iso animamos a todas as familias galegas a apoiar esta folga, para rematar coa LOMCE, para termos un Ensino Público como o que queremos e merecemos.

DEFENDE O ENSINO PÚBLICO. PARTICIPA!!