Entrevista sobre a Reválida – Presidente da Federación de Anpas Costa da Morte

Xosé Antón de la Fuente Subiela (49 anos) é o presidente da Federación de ANPA da Costa da Morte, que agrupa a boa parte das asociacións da zona. Vaise presentar de novo as eleccións, que se celebrarán o día 30.

-¿Por que se opoñen a reválida de terceiro de primaria?

-Non serve para nada positivo. A Xunta di que é para comprobar o nivel de formación do alumnado, pero como se vai facer dous días máis que os profesores fan en todo o ano. A reválida so serve etiquetar ao alumnado desde os 8 anos e de xeito negativo. O rapaz sente esa presión. Na selectividade mesmo van acompañados polos seus profesores para que estean máis tranquilos.

-¿Qué recomendan?

-As nosas recomendacións son xenéricas. Cada familia que faga o que estime oportuno, pero cremos que vai afectar negativamente ao alumno. Desde a Xunta estase dicindo que non, pero é así. Este tipo de reválida só valora á resistencia ao estrés do neno. Se ti pos dous rapaces cos mesmos coñecementos e a mesma intelixencia, sairá mellor o máis pousado, porque se cadra o outro esgótase aos cinco minutos. Pero o peor é que tamén se etiqueta o nivel socioeconómico do alumno. A familia ten que entregar esa documentación. Nunha lei anterior tamén se poñían eses datos e facíase a avaliación, pero era anónimo e non se avaliaba á familia. Facíase un diagnóstico do centro en global e do seu entorno socioeconómico, pero agora é persoal.

-¿En qué consiste a proba?

-Ten unha parte de lingüística e outra de matemáticas, pasando do resto das materias. Teñen que responder no espazo correcto, porque é tipo test. Tamén hai unha audición. Escoitan un relato e o teñen que interpretar. Que se lle pida iso a un neno de 8 anos non ten moito sentido.

-¿Que opinan os docentes?

-Nós temos relación cos pais, pero os docentes que teñen fillos da nosa zona e que pertencen as ANPA están todos en contra. Pero hai variedade de opinións porque a Xunta está a presionar moito. Din que é a mesma proba que había, pero non é así porque non é anónima como antes. Queren acostumar aos nenos a estar reválidas para que cando sexan utilizadas para marcar o destino dos alumnos xa non nos molesten. Daquela xa irán excluíndo do sistema educativo aos rapaces que non interesen, estarán condenando ás familias a ter pasantías e os que as poidan pagar seguirán para adiante. Ademais, o proceso de maduración de cada rapaz é diferente. Temos moitos casos de nenos que en primaria teñen un expediente moi normal e en bacharelato obteñen notazas. Se aos 8 anos xa os etiquetan como non válidos non chegarán a segundo de bacharelato. Xente da miña idade recordaba que en Cabana empezaban mil nenos e só uns poucos chegaban ao bacharelato. Daquela había as reválidas do franquismo.

Podes ver a entrevista na seguinte ligazón:

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/2015/05/27/revalida-so-valora-resistencia-ao-estres-do-neno/0003_201505C27C7992.htm

Outro artigo que sae na prensa hoxe sobre o tema:

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2015/05/27/ninos-tercero-vayan-hoy-clase-deberan-revalida/0003_201505G27P32991.htm